lunes, 2 de junio de 2014

MAIOS 2014 NO CPI VIRXE DA CELA

 Pensabamos que non chegabamos, mais ao final conseguimos celebrar a xa tradicional festa das flores o último venres do mes de maio. Ante un curso cunha axenda demasiado apretada, este ano todo o mérito o teñen os rapaces e rapazas da ESO do CPI Virxe da Cela, que apostaron por esta celebración que se vén desenvolvendo no noso centro nos últimos anos, comprometéndose en cada grupo-clase e deixando moito suor en cada un dos ensaios.
            O resultado foi, coma sempre, lucido e espectacular… música, danza, moitas flores e a certeza de que o verán e as ansiadas vacacións xa están á volta da esquina!! A gala foi presentada por Rubén e Ainoa (5º primaria), que a pesares da falta de megafonía dirixíronse ao público para presentar as actuacións. A primeira delas foi a dos rapaces de 5º e 6º de primaria, que fixeron todo un acto de valentía saíndo ao escenario a bailar unha coreografía tatareando timidamente a letra e a melodía da canción, xa que coas presas e os problemas que entraña o “directo” non puideron contar coa audición de fondo (desculpen todos e todas os problemas técnicos). Acto seguido o alumnado de 4º da ESO interpretou unha muiñeira e unha xota con pandeiretas e voces, para proseguir a gala coas exhibicións de danza de 2º da ESO (Muiñeira de Chantada), 3º da ESO (danza de paus) e 4º da ESO (danza de fitas).

             Se todos/as os que subiron ao escenario foron moi ben recibidos polo público, o gran descubrimento deste festival foi o noso novo compañeiro de 4º da ESO, Ignacio, quen gañou a simpatía e admiración dos alí presentes, especialmente dos profesores e profesoras, polas súa fina psicomotricidade na execución de patróns rítmicos co tamboril e a pandeireta. Xa sabes, Ignacio, este verán podes gañar uns cartiños “extra” tocando nas alboradas das festas da parroquia!